CULTURA E EDUCACIÓN DESENVOLVERÁ NO GAIÁS O III ENCONTRO INTERNACIONAL DE POLÍTICAS DE INTERCÂMBIO EN ARTES ESCÉNICAS

O Centro Dramático Galego e a asociación Cena Lusófona promoven estas xornadas, que se celebran do 30 de novembro ao 3 de decembro no marco da Semana de Portugal na exposición Gallaecia Petrea

Más de 50 profesionais de Galicia e dos oito países da comunidade lusófona participarán nas reunións de traballo e actividades públicas, para as que está aberta a inscrición a través da web da Cidade da Cultura

O sábado 1 presentarase o proxecto P-STAGE para impulsar a circulación de espectáculos e o intercambio formativo e creativo entre Portugal, Galicia, Angola, Brasil, Guinea Bissau e San Tomé e Príncipe

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a celebración do III Encontro Internacional de Políticas de Intercambio no Ámbito das Artes Escénicas, que terá lugar do 30 de novembro ao 2 de decembro na Cidade da Cultura de Galicia coa participación de máis de 50 profesionais de Galicia e dos oito países da lusofonía (Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, Portugal, San Tomé e Príncipe e Timor-Leste).

O Centro Dramático Galego e a Cena Lusófona, asociación para o intercambio teatral entre os países que comparten o portugués como lingua oficial, desenvolven no Gaiás esta terceira edición das xornadas, inseridas así mesmo no programa de actividades da Semana de Portugal na exposición Gallaecia Petrea. A súa finalidade é ofrecer aos participantes, entre os que se atopan representantes dos ámbitos público e privado, un espazo de traballo para o intercambio de experiencias e o achegamento de posturas cara ao desenvolvemento de novos proxectos culturais.

Inscrición para as sesións abertas

O encontro articúlase arredor de mesas redondas, debates, presentacións e actividades paralelas, que darán comezo na mañá do venres 30 de novembro. Ademais, a organización abrirá ao público tres das sesións programadas o sábado día 1: as mesas redondas “O ensino artístico en Galicia e na CPLP (Comunidades dos Países de Lingua Portuguesa)” e “A empresa e a cultura”, así como a presentación do proxecto P-STAGE-IV Estágio Internacional de Actores Lusófonos. Para cada unha destas actividades habilitáronse 25 prazas de acceso gratuíto, previa inscrición das persoas interesadas a través da zona de reservas da páxina web da Cidade da Cultura de Galicia: http://www.cidadedacultura.org/reservas/ListarTurnos.aspx?d=12336

As ensinanzas artísticas e os principais programas formativos en artes escénicas dos países con representación neste encontro internacional centrarán a primeira destas mesas redondas, que dará comezo ás 11.00 horas. Nela intervirán Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia; Flor Maceiras, da Escola Municipal de Narón; Francesca Clare Reyner, da Universidade do Minho (Portugal); Roberto Salgueiro, da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela; Ivam Cabral, da SP Escola de Teatro de Brasil; Francisco Beja, da ESMAE (Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo) de Porto (Portugal); e Nataniel Ngomane, da Escola de Comunicaçao e Artes de Mozambique.

Baixo o título “A empresa e a cultura”, a segunda das mesas dará comezo ás 17.30 horas coa participación como relatores de Antón Reixa, presidente da SGAE; Xosé Cabanas, director de Marketing de Estrella Galicia; Octavio Van-Dúnem, do Banco Espírito Santo de Angola; António Geirinhas, da empresa de telecomunicacións Multitel en Angola; e José Teixeira, do grupo DST Portugal.

Proxecto internacional con participación galega

Antes, ás 13.30 horas, terá lugar a presentación pública de P-STAGE, proxecto internacional financiado a través do programa ACP-UE da Comisión Europea para impulsar a cooperación cultural entre os países de África, Caribe e Pacífico e os membros da UE. O Centro Dramático Galego é un dos parceiros desta iniciativa, liderada pola Cena Lusófona (Portugal) e da que tamén forman parte Elinga Teatro de Angola, AD-Acção para o Desenvolvimento de Guinea Bissau, Sol-Movimento de Cena de Brasil e o Centro de Intercâmbio Teatral de São Tomé e Príncipe.

Os representantes de todas as entidades socias neste proxecto, dirixido a impulsar a circulación de espectáculos e o intercambio formativo e creativo entre os países participantes, desprazaranse a Santiago de Compostela para asistir a este III Encontro Internacional de Políticas de Intercambio no Ámbito das Artes Escénicas, que o venres día 30 acollerá unha reunión dos parceiros como parte do seu programa de actividades.

Ademais, as xornadas incluirán un debate sobre as dificultades e potencialidades do intercambio cultural no espazo lusófono (domingo 2, ás 10.30 horas), así como unha serie de actividades paralelas. Este programa complementario pon a disposición dos participantes chegados de fóra de Galicia a oportunidade de entrar en contacto co sector cultural galego a través dunha visita guiada á feira Culturgal, que se celebra nesas datas en Pontevedra, así como de percorrer a exposición Gallaecia Petrea no Museo da Cidade da Cultura e de asistir aos espectáculos O profesional, do Centro Dramático Galego, e A tempestade, da compañía da ESAD.

Fonte: Xunta de Galícia, 16 de novembro de 2012

Ator, roteirista e cineasta. Co-fundador da Cia. Os Satyros e diretor executivo da SP Escola de Teatro.
Post criado 1785

Deixe um comentário

O seu endereço de e-mail não será publicado. Campos obrigatórios são marcados com *

Posts Relacionados

Comece a digitar sua pesquisa acima e pressione Enter para pesquisar. Pressione ESC para cancelar.

De volta ao topo